A semana pasada incorporouse a Abertos ao Galego
unha nova empresa: Granxa O Cancelo, unha granxa situada no Concello de Miño que produce leite e xeados artesáns.
A Granxa O Cancelo (www.facebook.com/granxaocancelo) é un dos proxectos da Cooperativa Agraria Provincial da Coruña (CAP Coruña, www.capcoruna.com).
O proxecto retoma en 2009 unha granxa abandonada en
Bemantes, Miño, co obxectivo de traballar a prol do sector lácteo,
producindo leite de calidade e conectando a produtoras e produtores
coas consumidoras e consumidores do xeito máis directo posíbel.
Esta
semana, Abertos ao Galego estivo de visita na Granxa O Cancelo para
coñecer a súa forma de traballar e os seus produtos. Ademais de
mostrarnos as súas instalacións, explicáronnos que utilizan técnicas de
produción que permiten obter os
mellores rendementos garantindo un uso responsábel e sostíbel dos
recursos, o benestar das vacas e as boas condicións de traballo para as
persoas.
A
Granxa está situada no Cancelo, no concello de Miño. Teñen 95 vacas,
que son alimentadas con forraxes producidos principalmente nas terras
que rodean a granxa, complementados con cereais que mercan en empresas
galegas. Despois de muxir, o leite é pasteurizado e almacenado en
recipientes especiais. Unha parte do leite véndena á industria, mais
reservan unha parte para a venda directa.
O
leite que comercializan directamente distribúese por transporte
refrixerado ás máquinas expendedoras que teñen en distintas vilas da
comarca, mais tamén o levan embotellado a cafetarías, restaurantes e
pequenas tendas.
Ademais
do leite, desde 2011 a Granxa O Cancelo elabora tamén os seus xeados
artesáns. O ingrediente principal destes xeados é o leite recén muxido
na propia granxa, ao que engaden ingredientes de produtores
maioritariamente galegos. Algúns dos seus sabores son o de amorodos, o
de turrón, o de chocolate ou o de licor café. Para elaborar os xeados
contan con licor café de Adegas Coto de Gomariz, kiwis de Kiwi
Atlántico, castañas de Caurelor ou froitas de Gueixade.
Os
produtos que
vende a Granxa O Cancelo están etiquetados integramente en galego,
ademais de que é a lingua na que se desenvolven as relacións laborais e
toda a documentación interna e externa da empresa. A elección da lingua,
segundo nos comentaron Pura e Bri, foi unha cuestión obvia, pois o
galego é a lingua habitual neste sector, ademais da lingua da maior
parte dos traballadores e traballadoras da Granxa.
Deixámosvos os puntos de venda do leite fresco: http://capcoruna.com/leite/ e dos xeados artesáns http://capcoruna.com/xeados/ e recomendámosvos que os probedes!